A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo desenvolveu un proxecto pioneiro para analizar como o alumnado e o profesorado están incorporando a intelixencia artificial (IA) ás súas dinámicas académicas. A investigación, coordinada por integrantes do grupo HealthyFit, estivo dirixida pola profesora Helena Vila Suárez, membro deste grupo especializado en exercicio físico, saúde e innovación educativa.

O estudo contou coa participación de 146 estudantes e 28 docentes dos tres graos impartidos no centro, permitindo obter unha visión ampla das prácticas e percepcións vinculadas ao uso da IA. Os resultados mostran un uso xeneralizado entre o estudantado, que recorre a ferramentas como ChatGPT para organizar información, xerar ideas e mellorar a redacción dos seus traballos. Pola contra, o profesorado fai un uso máis prudente destas tecnoloxías, empregándoas na elaboración de materiais didácticos, na planificación docente ou en tarefas técnicas, ao tempo que manifesta unha maior preocupación por cuestións éticas e pola calidade e fiabilidade da información xerada.
O proxecto, seleccionado na convocatoria de innovación educativa da facultade, permitiu identificar desafíos e oportunidades derivados da integración da IA na docencia universitaria. Entre eles salientan a necesidade de reforzar a capacitación dixital, establecer criterios pedagóxicos claros e avanzar en políticas institucionais que garantan un uso responsable e rigoroso destas ferramentas.
Ademais da análise das percepcións, a iniciativa incluíu tres sesións formativas para o profesorado e unha intervención práctica nunha materia do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Nesta última, a IA foi empregada para deseñar actividades académicas, obtendo unha excelente acollida por parte do alumnado e demostrando o seu potencial como ferramenta de innovación metodolóxica.
A coordinación do proxecto por parte de membros do grupo HealthyFit reforza o compromiso desta unidade investigadora coa transformación educativa, a incorporación de tecnoloxías emerxentes e a promoción dun uso crítico, ético e eficaz da intelixencia artificial no ámbito universitario.
ENLACES A NOTICIAS
